Noticias

Atrás O SNL celebra o Día Internacional da Lingua Materna

O vindeiro 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, ás 19.30 horas na Fábrica o Servizo de Normalización Lingüística entregará os premios do IV Premio Literario Descubrindo Oleiros, unha proposta que busca poñer en común promover a lingua e dar a coñecer o municipio.

Este premio está orientado a todos os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de ESO empadroados/as no Concello de Oleiros, establecéndose catro categorías, unha por cada ciclo. Os relatos tiñan que estar ambientados en Oleiros, escritos en lingua galega e atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade o xurado concedeu os premios a:
 
- Pablo Rodríguez Gagino, de 4º de primaria do CEIP Isidro Parga Pondal, polo seu relato A pequena muiñeira de Santa Cruz, na primeira categoría.
- Diego Santiago García, de 6º de primaria do CEIP Luis Seoane por A sombra da furna pequena, na segunda categoría.
- Mateo Naya Seguí, de 1º de ESO do IES Neira Vilas por Seixo Branco, na terceira categoría.
- Celtia Río Santos, de 3º de ESO do IES Miraflores por No primeiro andar, na cuarta categoría.
 
Ademais, faise unha mención especial na segunda categoría polo texto Marco e a invasión dos plumachos a Adriel Barbeito Romano, de 6º de primaria do CEIP Luis Seoane por mostrar ser coñecedor da actualidade do municipio e a Miguel Rodríguez Rico, de 3º de ESO do Colexio Santa María do Mar, por mostrar orixinalidade no argumento en Paseando por Oleiros.
 
Para finalizar o acto, ás 20.00 horas, proxectarase o filme A palabra xusta, unha película que retrata a vida de Tita, Antía Cal, unha pedagoga que fundou un colexio moi anovador no Vigo dos anos 60, que trata xustamente o tema da educación partindo da lingua materna. Esta mestra feminista, apaixonada pola ensinanza, elaborou unha enciclopedia en galego para nenos e nenas, aínda que nunca chegou a publicarse, pero que mostra a súa filosofía pedagóxica en tempos difíciles para o ensino. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.