Noticias

Atrás O Samaín, unha festa tradicional celta en Oleiros

Hoxe en día conservamos a festividade do Samaín, unha festa de orixe celta na nosa terra, na que se celebraba o final do verán e a chegada do novo ano. Era o final do tempo das colleitas, mais tamén era o momento de honrar os mortos, momento no que as ánimas volvían ás súas casas para visitar a familia. E para evitar o perigo desa noite, poñíanse nabos ou cabazas ao redor das casas cunha candea acendida dentro, para afastar os malos espíritos e defenderse das ánimas inimigas nesa noite.
Co paso dos anos esta celebración pagá converteuse en cristiá, dando lugar ao Día de Todos os Santos (1 de novembro) e ao Día de Defuntos (2 de novembro). Esta data recollía a tradición do Samaín, as familias acudían aos cemiterios para homenaxear e facer compañía ás persoas queridas que xa non estaban.
Tamén o magosto foi unha celebración vencellada ao Samaín, unha reunión para xantar os produtos típicos da época, as castañas e beber o primeiro viño. Segundo Mariño Ferro  “a castaña é símbolo de vida que combate a morte”, de aí que a castaña apareza nos ritos funerarios e que fose tan habitual facer colares ou rosarios cos zonchos.
Durante moitos anos esta reunión continuou facéndose, sen saber que era unha festa tradicional celta, pois os cemiterios de Oleiros e de toda Galicia enchíanse de xente nestas datas. Mais as tradicións conservadas son similares ás da festa celta, que os irlandeses levaron a Estados Unidos e que se comercializou co nome de Halloween.
Ao longo destes días son moitas as diferentes festas e actividades do Samaín que se van realizar en Oleiros, a través de varias asociacións, entidades, os centros de ensino e as bibliotecas municipais. Mais para as familias que celebrarán esta data na casa con nenos e nenas, recomendámosvos o libro O noso Samaín de Loretta Birrot Bermejo, a través do que se explica esta festa tradicional celta en Galicia, fronte á festa americana e as cancións “Samaín” de Mamá Cabra e “No Samaín” de Paco Nogueiras.