Noticias

Noticias

Atrás Máis de 250 estudantes participarán nunha nova edición do Roteiro cultural e literario

 

 

Os días 5 e 6 de xuño uns 265 alumnos e alumnas de 6º de primaria, 3º de ESO e 1º de bacharelato dos centros de ensino público do municipio participarán no Roteiro cultural e literario, unha actividade que organiza a Rede de Bibliotecas Municipais e o Servizo de Normalización Lingüística xunto co IES Miraflores e o IES Neira Vilas.

O alumnado visitará as Torres de Santa Cruz e o Museo Os Oleiros, onde coñecerá a vida e a obra do pintor e escultor José María Kaydeda da man de estudantes do IES Miraflores. Logo rapaces e rapazas do IES Neira Vilas explicarán aos seus compañeiros e compañeiras quen foi Anisia Miranda, pasearán polo parque José Martí e poderán gozar da música de Roi Casal no auditorio da Fábrica, autor do disco “Son galego, son cubano” que pon música ás letras de Xosé Neira Vilas.

O roteiro finaliza coa explicación da vida e a obra do arquitecto e pintor Antonio Tenreiro Brochón da man de alumnado do IES Miraflores e de Felipe Senén, visitando na Casa Charry unha exposición de varias obras pictóricas do autor.

Ademais, aquelas persoas que o desexen poderán visitar esta mostra de pintura de Antonio Tenreiro Brochón do 7 ao 14 de xuño, de luns a venres das 19.00 ás 21.00 horas na Casa Charry.