Noticias

Noticias

Atrás III CICLO DE MÚSICA VOCES CÁLIDAS PARA NOITES DE INVERNO: CONCERTO DE UXÍA & NARF

O sábado 20 de febreiro ás 20:30 horas no Teatro As Torres de Santa Cruz, dous grandes da música galega, UXÍA e NARF, únense para presentar o seu primeiro disco conxunto: ‘Baladas da Galiza imaxinaria’.

 Trátase dun proxecto que nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada abren portas e ventás aos corazóns inquedos e aventureiros.

Entre conversas, encontros e concertos foron debullando e compartindo a idea dun espazo emocional, que vai alén do puramente xeográfico, que latexa vivo e fértil, no interior de moitas almas espalladas por todo o mundo. Persoas que non beben necesariamente das mesmas fontes culturais, ou que nin sequera son galegas ou de ascendencia galega. Amantes do noso, sen máis. Habitantes da Galiza Imaxinaria.

Gustaríanos que escoitarades as ‘Baladas da Galiza Imaxinaria’ como un convite a transitar por este espazo inacabado do que tamén sodes parte. E que vos preste a viaxe.

 As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas a un prezo de 2’50 euros, ata completar a capacidade da sala.