Noticias

Atrás FESTIVAL DAS ARTES-ALFAROLEIROS 2015

 

A feira continúa coa programación cultural para público familiar no día de hoxe e mañán venres día 7 de agosto:

Xoves 6 de agosto

 

19.00h- Ginkana onde participará o alumnado do obradoiro infantil de olería de verán.

 

A partir das 19:30h: Festival das Artes

 

– Os Xogos do Paporrubio

 

"Os xogos do Paporrubio" é un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna.

 

O noso paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos. As persoas participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes.

 

  - Actuación teatral: Babamor, de Larraitz Urruzola.

 

Nesta ocasión babamá ven de recoller miles de historias que nacen en moitas familias cheas de amor. En Babamor hai familias grandes e pequenas, familias diversas envoltas en toneladas de cariño. Ollos que miran a outros ollos, cóxegas e paseos por xardíns de bolboretas.

 

A contadora e titiriteira Larraitz Urruzola utilizando as ferramentas da narración oral tradicionais, xoga a crear atmósferas poéticas, situacións que xurden da transformación dos obxectos e espazos, contribuíndo a iniciarse no mundo dos contos e do teatro a través da inventiva, da creación efímera e espontánea.

 

 

 – Concerto de Mamacabra

 

Concerto do grupo infantil Mamacabra, grupos musical de referencia dentro do panorama musical galego.

 

 Venres 7 de agosto

 

A partir das 19.30h: Festival das Artes

 

 – A Casa dos Xogos/A ludoteca Xiramundos

 

A casa dos xogos preséntase como un gran espazo repartido por áreas de xogo onde os participantes poderán experimentar unha amplísima compilación de xogos tradicionais chegados dos cinco continentes, así como unha presentación de xogos de creación propia dos construtores e impulsores do proxecto, Cedric Bouchard e Xurxo Guzman.

 

Varios destes xogos avalan correntes pedagóxicas coma Waldorf ou Montessori, punteiras na pedagoxía, e numerosasescolas e centros de arte utilizan este tipo de soportes. Outros corresponden máis co que se ve nas de feiras populares do norte de Europa.

 

- Actuación teatral: “Contada en obras”,  de Brais das hortas

 

Atención! Esta contada está en obras. Si : está sen acabar. Pero non vos preocupedes. Temos un andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cun capacho e un caldeiro, ferramentas... e a axuda inestimable do público.

Malo será que entre todos non acabemos estes contos cheos de música e ritmo. Contos de osos tristes, de extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar, de cans de palleiro que se convirten en superstars... A nova tolería de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público.

 

- Concerto: “Rodarirrodari” da compañía Fantoches Baj

 

RodariRodari (Contos do tranvía) é un espectáculo de narración oral, con acompañamento musical, no que empregamos o conto tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari, e os monicreques para, partindo da domesticación dun animal como o burro, chegar ó uso ou abuso das novas tecnoloxías.

 

O tranvía de Marín, baseándonos, sobre todo, na descrición humorística que do nomeado tranvía fixo Castelao, serviranos como medio de transporte do espectáculo.

O tema da xogo para introducir cancións tradicionais como a do Trole, nas que o músico Carlos Quintá, irá acompañando co seu acordeón diatónico, e o narrador Inacio Vilariño xogará coas onomatopeias producidas polo funcionamento das máquinas, ao mesmo tempo que se acompañan coa melodía producida maquinalmente por unha caixa de música. Finalmente péchase o círculo coas novas tecnoloxías e como mal usadas acabarán converténdonos en burros.