Noticias

Atrás ALFAROLEIROS 2014: XX EDICIÓN

 

Este ano 2014 celébrase a XX edición da Feira de Olería de Oleiros, máis coñecida como “Alfaroleiros”. Celebrarase do 6 ao 10 de agosto. Un ano máis oleiros de todo o país achegaranse a Oleiros para sementar o parque Luís Seoane de Santa Cruz de tradición e bo facer, permitindo así que o noso Concello faga honor ao seu topónimo e ás súas orixes.      

 

          Paralelamente á Feira no mesmo Parque Luis Seoane e na praza Esther Pita Pita, desenvolveranse diversas actividades de carácter lúdico-cultural, para disfrute de veciños e visitantes.

 Mércores 6 agosto

19.00 h: Ginkana onde participará o alumnado do obradoiro infantil de olería de verán. Parque Luis Seoane.

20.00-22.00 h: Obradoiro de olería para nenos e nenas impartido pola ceramista Susana Gonzalez. Parque Luis Seoane.

 Xoves 7 agosto

20.00-22.00 h: Obradoiro de olería para nenos e nenas impartido pola ceramista Susana Gonzalez. Parque Luis Seoane.

20.30 h: Actuación da Tuna de Veteranos “Cidade Cristal”.

      

Venres 8 agosto

20.00-22.00 h: Ludoteca de xogos tradicionais a cargo de Xandobela.  Parque Luis Seoane.

22.00 h: concerto de Balakandra

23:00 h: concerto de SES, co xenio destrozado. Praza Esther Pita Pita.

Balakandra nace en San Sadurniño no ano 2004 no seo do mítico grupo Saraibas froito das inquedanzas musicais de varios  dos seus membros que trataban así de dar renda solta aos seus coñecementos musicais. No 2012 editan o seu primeiro disco “Balakandra”. Neste ano 2014 a banda celebra o seu décimo aniversario. Seis músicos de idades e procedencias moi dispares, letras comprometidas coa nosa sociedade e cos nosos corazóns. A súa música é unha viaxe polas músicas do mundo con paradas no country e no blues do sur dos EEUU., nos sons latinos de Brasil e Cuba, nos clubes neoiorkinos e nos frenéticos ritmos do este de Europa, unha longa viaxe coa mellor locomotora: o folk galego.

Se algo podemos destacar de SES é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza. Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.

Co Xenio Destrozado é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano.  Gravado nos estudios BRUAR, de A Coruña, e producido por María Xosé Silvar, a propia SES, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarras), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).

Sábado 9 agosto

20.00–22.00 h: ludoteca de xogos tradicionais a cargo de Xandobela. Parque Luis Seoane.

22.30 h: concerto de Quempallou. Música tradicional sen complexos. Praza Esther Pita Pita.

Con máis de doce anos de traxectoria artística, Quempallou é unha das bandas máis representativas do folk galego, levando a festa por bandeira en cada concerto, pero sen esquecer unha clara mensaxe de compromiso social.

Eles fan música de raíz dende un punto de vista actual, sen complexos nin ataduras, tendo sempre claro as súas orixes pero mirando cara adiante en todo momento. Claro reflexo son os seus traballos discográficos, nos que se observa unha constante evolución musical, coa que acadaron un son propio e característico. Dende aquel primeiro “Quempallou”, e a música tradicional como base, pasando por “Estremonías” e a forza da palabra, chegando a “Polo Aire”, cunha importante madurez musical, composicións propias e coidados arranxos.

Agora presentan o seu novo e agardado traballo discográfico “Vellas Novas”, que cunha estética baseada no mundo do xornalismo, contén composicións propias e tradicionais ao máis xenuino estilo de Quempallou. “Vellas Novas” é un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.                             

Formación:

Roi Maceda: Acordeón, Guillerme Ignacio: Gaitas, frautas, voz, Isaac Millán: Bouzouki, Guitarra acústica, Roi Adrio: Tamboril, percusións. Xosé Maceda: Bombo, percusións. Alfonso Agulla “Eski”: Son ao vivo.

Domingo 10 de agosto

19.30 h: PETER PUNK peor imposible.

Un espectáculo non apto para xente aburrida!!

Espectáculo de clown. Todos os públicos. Parque Luis Seoane. Duración: 55 minutos.

Peter Punk está considerado o mellor pallaso galego do momento. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid nos anos 2013 e 2014. Recentemente participou no Festival Pirineos Sur 2013, no Festival Mueca 2012, na Mostra de Teatro Internacional de Ourense, no Festiclown Vigo e Palestina 2011, no Anjos do Picadeiro de Brasil, no Festival Cómico de Maia (Portugal),…

21.00 h: Peche da Feira, coa actuación da Banda da Escola Municipal de Música de Oleiros.

 * Exposición dos traballos realizados polo alumnado do obradoiro municipal de olería de adultos organizado polo departamento de cultura durante a Feira.

 Demostración do oficio de cabaqueiro. (Telleiros do Rosal - Pontevedra)