Actividades culturais

Atrás RUTA DA SERRA DO CANDÁN ÁS PONTES DO LÉREZ

O vindeiro sábado 25 de abril terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros.

Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

RUTA DA SERRA DO CANDÁN ÁS PONTES DO LÉREZ

25 de abril de 2026

Lonxitude: 16,5 km

Dificultade: media-alta

Percorrido longo que nos achega á comarca de Terra de Montes, na Dorsal Galega da provincia de Pontevedra, nos ZEC (Zonas de Especial Conservación) da Serra do Candán e Serra do Cando, maioritariamente no concello de Forcarei. Este territorio conserva unha gran riqueza natural, paisaxística e cultural e das súas montañas, con altitudes entre os 600 e 1017 do alto de San Benito nacen os ríos Deza, Toxa, Umia e Lérez. Nunha parte do camiño acompañaremos ao Lérez descubrindo moitas pontes e pontellas, de fermosa feitura como a de Andón, sendo testemuñas pétreas da historia e dun oficio referencial nesta Terra como o de canteiro. Outros lugares destacables serán o Mosteiro de Aciveiro e as fragas e bosques con carballeiras acompañadas de bidueiros e ameneiros no río que acollen especies protexidas como o lobo, o bufo real, o miñato abelleiro ou a píntega rabilonga.

PUNTOS DE INTERESE

  • ZEC Serra do Candán
  • Río Lérez
  • Arquitectura popular nos ríos: muíños, batáns, pasais
  • Bosques autóctonos
  • Mosteiro de Aciveiro
  • Ponte das Brañas, Ponte Vella de Andón, Ponte Carballa, Ponte do Crego e Ponte Maril
  • Parque eólico no Alto do Candán
  • Aldeas de Masgalán, Vilaverde
  • Alvariza de Rochela

VISITA CULTURAL:

Mosteiro de Aciveiro (só exterior)

¿A quién va dirigido?

Maiores de idade

Fecha del evento

25 DE ABRIL 

Plazo de inscripción
  • As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 13 de abril ás 10.00 horas.
  •  No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas.
  • Ocuparanse as prazas por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 13 ás 10.00 horas e o martes 14 ás 14.00 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
Precio

23 euros

INSCRICIÓN