Atrás 25N de 2024. Manifesto «En pé contra a violencia de xénero»

Baixo o lema “En pé contra a violencia de xénero”, o Concello de Oleiros fixo público o seu manifesto institucional con motivo do 25 de novembro de 2024, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O texto é unha chamada firme á conciencia colectiva e á acción contra unha realidade devastadora: os feminicidios, as violencias cotiás, o silencio e a impunidade. Un ano máis, o Concello ergueuse para lembrar ás mulleres que foron asasinadas polo feito de selo e para denunciar a persistencia dun sistema estrutural de violencias machistas que segue a vulnerar os dereitos e a dignidade das mulleres en todo o mundo.

Neste manifesto tamén se puxo en valor a memoria histórica, lembrando ás irmás Mirabal como símbolo de resistencia e loita fronte á barbarie. A súa figura serve de guía para continuar avanzando con determinación na defensa da igualdade, da xustiza social e dunha vida libre de violencias.

Desde Oleiros, reafirmamos o noso compromiso: educar en igualdade, actuar con firmeza e non dar nin un paso atrás. Porque foron, somos. E porque somos, serán.

A continuación, recóllese o manifesto ao completo: 

Hoxe, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, erguémonos unha vez máis contra unha realidade tan inaceptable como dolorosa: 40 mulleres asasinadas no estado desde xaneiro deste ano polo mero feito de selo; 1284 desde 2003. Números que poden ser datos fríos, mais detrás dos cales hai nomes e historias, mulleres de todas as idades, credos, etnias, clases e ideoloxías. Nais, fillas, netas, irmás, amigas, veciñas. Persoas. Vidas arrebatadas e irreparables.

 E se cadra doe máis aínda admitir que, a estas alturas, ben sabemos que as vidas arrincadas son o cumio máis visible desta lacra. Por debaixo, moitas outras expostas a relacións de violencia que, ás veces, continúan ás escuras, amparadas polo silencio ou a indiferenza. Máis abaixo, ben enraizado, o abono que todo o sostén: un sistema estrutural de violencias normalizadas. É aquí, xusto aquí, nas bases dos cimentos machistas, onde temos que aporrear ben forte para derribar todo este entramado sobre o que se sostén a violencia. Porque é unha fonda ferida social que doe, e moito, que a violencia contra as mulleres continúe a ser unha persistente violación dos Dereitos Humanos en todo o mundo. Basta!

Porque foron, somos, hoxe loitamos e as conmemoramos. Porque este 25 de novembro é un día de memoria histórica, colectiva. Un día para reivindicalas a todas, e non esquecer que en tal data coma hoxe de 1960, o ditador Rafael Trujillo asasinaba brutalmente ás irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, "Las Mariposas". Mulleres que loitaron activamente contra a ditadura e o odio, converténdose nun símbolo mundial de resistencia ante a opresión e a violencia. E por isto mesmo, pola súa loita contra a represión e a barbarie, fóronnos arrebatadas. Porque lembrar hoxe ás irmás Mirabal é erguerse pola dignidade e liberdade de todas as mulleres.  

Así que xa basta! Basta xa de branquear actos, declaracións e ideoloxías que seguen a perpetuar e soster a violencia. Non, non todo vale! Porque enarborar o odio camuflado coma se fose a bandeira de liberdade de expresión, é tan ruín e deshonesto coma covarde.

Temos que asumir dunha vez que todas e todos temos a responsabilidade de combater as causas mesmas da violencia; porque pouco avanzaremos limitándonos a narrar as súas consecuencias. E para combater de raíz a violencia contra as mulleres, é imprescindible educar en igualdade. Non, non é opcional. É o noso compromiso, a nosa responsabilidade, o noso deber. Porque non hai verdadeira igualdade, nin  democracia, nin liberdade, nin xustiza social nunha sociedade que mira cara outro lado ante as violencias. 

Por isto mesmo, desde o Concello de Oleiros manifestamos, un ano máis, que non cesarán os nosos esforzos nesta loita. Hoxe, como fixeron as irmás Mirabal e tantas, tantas outras e outros, dicimos en pé, erguidas e firmes, que non toleraremos máis a violencia.

Porque foron, somos. Demostremos que porque somos, serán. Libres de vivir sen medo.

Polas que xa non están, polas que estamos, e polas que virán.

En pé contra a violencia de xénero!