Oleiros, 7 de febreiro de 2018-. O grupo Voodoo ofrece este sábado ás 20:30 horas un concerto no auditorio do centro cultural A Fábrica, en Perillo. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 2,50 euros.
VooDoo é un dúo feminino que nace no ano 2016 e que está formado por Maritxinha, no baixo e loops, e Belém Tajes, no teclado e voces. En 2017 VooDoo gañou o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría Blues/Funk/Soul, consolidándose no seu estilo e buscando novos formatos de directo.
VooDoo son letras chegadas da música tradicional galega con harmonías fundamentalmente soul, acid jazz, r&b e rock. VooDoo é unha música íntima, elegante para “grandespequenos” momentos. No concerto do sábado estarán acompañadas polo cantante, beatboxer e multinstrumentista Narci García.