Oleiros, 19 de outubro de 2017-. Para conmemorar o centenario do Club de Leóns, a agrupación de Oleiros acordou doar unha oliveira centenaria á veciñanza. Mañá venres ás 17:00 horas procederase á plantación da árbore nun acto público que terá lugar nas inmediacións da Escola Municipal de Danza e no que participará o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, representantes do Goberno municipal e Adrián Ameneiro e Ricardo Gómez, entre outros representantes do Club de Leóns de Oleiros.
A asemblea do Club de Leóns de Oleiros escolleu unha oliveira “polo seu significado de paz, cada vez máis desexada pola súa inexistencia”. “Tamén significa que, a pesar dos problemas experimentados e que vivimos en moitas ocasións, Galicia foi e é terra de oliveiras”, informan desde Leóns.
O Club de Léons conta con 1.450.000 membros en 205 países nos que existen máis de 46.000 clubs. Oleiros é un deles.