Oleiros, 11 de febreiro de 2017-. O salón de actos do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo acolleu hoxe unha actividade formativa sobre intelixencia emocional e motivación dirixida especialmente ao persoal que traballa no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Oleiros.
A conferencia foi impartida por Mario López Guerreo, prestixioso conferenciante e formador especializado no desenvolvemento de equipos. Posteriormente houbo un pincho no que todas as persoas que traballan no Servizo de Axuda no Fogar e os profesionais do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oleiros compartiron un momento agradable.
FEPAS, entidade adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar municipal, desenvolve esta formación que aparece contemplada no contrato da prestación do servizo. Estas sesións realízanse todos os anos na procura de mellorar a formación e a cualificación das preto de 50 auxiliares que traballan para o Concello de Oleiros.
Son estas 50 persoas, unhas a xornada completa e outras parcial, as que directamente prestan os seus servizos ás persoas maiores e con dependencia do municipio, atendéndoas a diario nas actividades da vida cotiá e dándolles a elas e ás súas familias un importante apoio emocional.
É un traballo difícil, xa que ás características das tarefas e da actividade hai que sumarlle que se realiza en solitario, con desprazamentos entre domicilios e cun importante esforzo físico e psicolóxico. Por iso é fundamental que, ademais do recoñecemento ao seu traballo, teñan acceso a unha formación continuada e se posibiliten estes encontros entre elas para que vexan que non están soas e que forman parte dun equipo, tanto do Servizo de Axuda no Fogar como dos Servizos Sociais do Concello de Oleiros.