Oleiros, 13 de febreiro de 2019-. Este sábado continúa o VI Ciclo de Música Voces Cálidas para noites de Inverno cun concerto do grupo Turma Caipira, no centro cultural A Fábrica, en Perillo, ás 20:30 horas. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 2,50 euros.
A banda formada por Marga Ramos na voz, Fran Castro no piano, Quique Alvarado no baixo e Samuel Pérez na batería, vai presentar o seu primeiro traballo discográfico Bellis Silvestris, no que sacan á luz as súas propias composicións e afondan nas súas inquedanzas, o amor, a introspección e a necesidade de coñecer e confluír no universo infinito da música brasileira. O apaixonamento pola música popular brasileira foi o motor de arranque para este cuarteto que xurdiu na Coruña en 2009.