Oleiros, 08 de marzo de 2016-. As filtracións existentes na Escola Infantil da Canteira de Perillo van ser emendadas tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan, tal e como estaba previsto desde hai semanas. O Concello de Oleiros xa realizou un investimento de 15.000 euros neste centro en diversas melloras que se realizaron durante o pasado verán.
“Na Escola da Canteira non chove. Eu teño á miña neta alí e sei de primeira man como está esa escola. O que sucede é que hai un medio de comunicación que se dedica a publicar as medias verdades ou as mentiras das que lle informa o Partido Popular”, explicou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. “Os problemas que existen no edificio débense a que as placas son planas. O atasco nunha tubaxe do tellado, engadido a que o teito é plano, provocou que a auga subise de nivel e causase unhas filtracións”, dixo.
A solución dos problemas estruturais existentes nos edificios educativos son unha responsabilidade da Xunta de Galicia. Aínda que en moitas ocasións a administración autonómica elude as súas responsabilidades, o Concello actúa igualmente polo compromiso coa educación dos nenos e nenas do municipio.