Oleiros, 29 de xaneiro de 2020-. O grupo Son Trío será o encargado de abrir o VII Ciclo de Música Voces Cálidas para noites de Inverno cun concerto no centro cultural A Fábrica, en Perillo, o sábado ás 20:30 horas. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 2,50 euros.
Son Trío está composto por tres músicas: Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello). A súa música é intimista e contemporánea, e viaxa entre estilos desde o clásico ata o jazz facendo soar os poemas do século XIX como se fosen escritos hoxe. Os seus estudos e influencias pasaron pola música clásica, jazz, folk, cantautor, bossa… e contan con varios premios como grupo e tamén individualmente.
Na xira de presentación do disco Miña almiña 2020 están a ofrecer un repertorio no que interpretan 9 cancións orixinais sobre a letra do poemario de Rosalía de Castro Follas Novas, complementándoo con cancións doutros poetas galegos e versións de cancións populares.