Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Recepción institucional ao Club de Regatas Perillo, campioas da Liga Galega de Traiñeiras

O Goberno municipal recibiu oficialmente en Casa Charry ao Club de Regatas Salgado-Perillo tras a recente  consecución da Liga Galega de Traiñeiras feminina. Un merecido recoñecemento institucional ante este extraordinario éxito nunha tempada na que ademais da Liga Galega, acadaron a medalla de bronce no Campionato de España e a medalla de ouro no Campionato Galego.

Durante o encontro, o alcalde, Ángel García Seoane, trasladou ás deportistas, ao corpo técnico e á directiva o seu recoñecemento e felicitación polo excelente traballo realizado ao longo da tempada –ganaron todas as regatas disputadas na liga agás unha-, que permitiu ao equipo conquistar o título galego nunha disciplina que require dun grande esforzo e dedicación. Un auténtico orgullo para Oleiros e un magnífico exemplo, especialmente para a mocidade.

A conquista da Liga Galega de Traiñeiras por parte do Club de Regatas Salgado-Perillo supón outro grande éxito para o deporte oleirense, resultado de anos dun magnífico traballo de canteira por parte do club, unha liña compartida polo conxunto das entidades deportivas do municipio e que desde o Concello se impulsa coa política deportiva que desenvolve o Goberno municipal.

O Club de Regatas Salgado-Perillo finalizará a tempada esta mesma semana en Donosti, na prestixiosa regata de traiñeiras da Kontxa. O xoves competirán na xornada clasificatoria xunto ás mellores tripulacións de todo o Estado. 
 

back link