Oleiros, 22 de setembro de 2020-. A compañía de telecomunicacións R, que dispoñía dun contrato outorgado polo Estado para instalar fibra óptica en 16 núcleos do Concello de Oleiros, comprometeuse a finalizar o proxecto antes de que remate este ano. O prazo para executar o despregamento finalizaba en 2019, pero a día de hoxe, zonas contempladas nesa subvención como Maianca, Aguieira, A Xesta e Breixo carecen do servizo.
Requerida polo Concello, a empresa escusouse en que dependía do uso dos postes doutra empresa de telecomunicacións. Sobre as rúas que formando parte dos núcleos nos que xa se realizou a instalación non dispoñen do servizo, a R tamén se comprometeu a estudar posibles solucións.
A outra empresa que está subvencionada para instalar fibra óptica no municipio é Telefónica. Ten o compromiso, segundo o contrato, de subministrar o servizo nas zonas da Veiga e O Valiño en Nós, Aba, Dexo, Viñas de Babilonia en Santa Cruz e A Lagoa de Mera antes de que acabe o presente ano. Esta empresa tamén está subvencionada para levar a fibra no 2021 a Subiña, O Bosque, Cobo, O Rabuñeiro, Fornos e Canabal.