Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Pepe Mujica, “a voz dos que non teñen voz”, vivirá para sempre no paseo da ría

Numerosas persoas participaron na inauguración oficial do Paseo Pepe Mujica. O nome dun dos grandes persoeiros de entreséculos que ademais de chegar a presidente do seu país foi todo un exemplo de humildade, honestidade e humanismo nun momento en que xa asomaban de novo as sombras do totalitarismo. En palabras do alcalde, Ángel García Seoane, “o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público”. 

Ángel García Seoane destacou que este logro garante o acceso público aos 26 quilómetros de costa do municipio e resolve a conexión peonil con Cambre e Culleredo tras intensas xestións ante o Ministerio, do que citou expresamente ao secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, quen aceptou as demandas municipais para que a conexión peonil entre Culleredo, Cambre e Oleiros sexa unha realidade, con espazos públicos destinados á convivencia, o deporte e a lembranza de figuras universais comprometidas cos dereitos humanos e a democracia.

O alcalde falou tamén da traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 anos de prisión e tortura que sufriu e a súa posterior capacidade de perdón. Durante o seu mandato presidencial a partir de 2010, subliñou o notable avance socioeconómico do Uruguai en áreas como a redución da pobreza, o crecemento salarial, o desenvolvemento de enerxías renovables e a ampliación de dereitos sociais, en contraste co contexto de crise e intervencións financeiras en Europa. Do mesmo modo, resaltou a súa dimensión como pensador e referente ético global fronte aos retos do capitalismo e a era dixital. “Mentres en Europa rescataban bancos co diñeiro do pobo —lembrou García Seoane— en Uruguai medraba a economía, subían os salarios, baixaba o paro, construíanse vivendas, iniciaban a independencia enerxética do país que hoxe satisfai con renovables o 90% da enerxía que necesita, aprobaban o matrimonio igualitario e se ampliaban os programas de protección á infancia e á educación”.

O discurso do alcalde tamén puxo en valor os profundos lazos históricos e de irmandade entre Galicia e o Uruguai, marcados pola emigración galega e por figuras de ascendencia local que alcanzaron gran relevancia na historia uruguaia. Claudio Willian, fillo dun muller de Maianca, chegou a ser presidente do país entre 1907 e 1911 e outro descendente de emigrantes merachos, Fernando Lugrís, é hoxe un dos principais diplomáticos do país.
O acto contou coa presenza da senadora Blanca Rodríguez, de ascendencia galega e considerada continuadora do legado político de Mujica, á que se lle ofreceu un firme apoio institucional e unha invitación a regresar no futuro. 

O acto contou coa presenza da senadora Blanca Rodríguez, de ascendencia galega e considerada continuadora do legado político de Mujica, á que se lle ofreceu un firme apoio institucional e unha invitación a regresar no futuro.

“No me voy, estoy llegando”, lembrou a senadora Blanca Rodríguez, do Frente Amplio, a que se considera herdeira política de Mujica, ao falar dunha das últimas palabras do ex presidente, que tamén fixo referencia a un diálogo do Quixote que era o preferido de Mujica, cando dous pastores reflexionaban sobre a idade de ouro da humanidade: “era cando aínda non existían estas dúas palabras: lo tuyo y lo mío”.

Antes de mostrarse “infinitamente agradecida”, Suárez lembrou ao home que non quería que ninguén manexase o seu tempo nin a súa vida, polo que vivía sen móbil e sen computador, e respondía cando alguén se refería a el como o presidente máis pobre do mundo: “Non son pobre; son austero, porque pobre non é quen ten pouco; pobre é quen necesita moito”.

Nun emotivo discurso con referencias á emigración e prolífico en citas de Mujica, dixo igualmente que o expresidente era unha mensaxe en si mesmo, xa que vivir como se pensa non é tan frecuente en política. Lembrou igualmente o momento en que a xente, durante o seu velorio, deixábanlle mensaxes persoais de agradecemento por poder estudiar, por ter unha casa ou por ter unha vida mellor.

“Que o nome de Pepe quede vinculado para sempre a un espazo aberto ao mar en Galicia ten un valor moi profundo para o Uruguai, xa que este país garda unha relación moi estreita con Galicia, terra da que partiron xeracións de emigrantes que axudaron a construír a propia identidade uruguaia”, dixo o embaixador do Uruguai, Bernardo Geiver.

“Un espazo recuperado para o desfrute da cidadanía, que evoca a humildade, a coherencia e a vocación de servizo do expresidente uruguaio: por enriba dos intereses partidistas ou das ambicións políticas, o importante é buscar o ben común”, dixo o presidente provincial Valentín González Formoso, que relacionou o legado de Mujica co sentido da actuación inaugurada: recuperar a contorna da ría para que os maiores teñan un lugar agradable onde camiñar, as familias poidan pasar unha tarde ao aire libre e os nenos e nenas aprendan a andar en bicicleta. “Tamén para iso serve a política. Para facer posibles esas pequenas cousas que fan mellor a vida de todos”, afirmou.

O presidente provincial lembrou unha frase de Mujica que, ao seu xuízo, resume a esencia do servizo público: “La política es la lucha por la felicidad de todos”. Vinculouna co artigo 13 da Constitución de Cádiz de 1812, que establecía que “El objeto del Gobierno es la felicidad de la Nación”. “Dous séculos de distancia e unha mesma idea: que a política debe servir para mellorar a vida das persoas”, sinalou.

Fronte á confrontación e ao ruído que marcan o debate público, Formoso destacou o exemplo dun home que coñeceu a pobreza, a persecución e o cárcere e que chegou á presidencia de Uruguai sen perder “a humildade, a coherencia nin a capacidade de falar coa xente de igual a igual”.
 

back link