Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Os institutos de Oleiros lerán a declaración do Pleno contra a violencia de xénero

Oleiros, 24 de novembro de 2015-. Con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero que se celebra mañá, os centros públicos de ensino secundario e bacharelato do Concello de Oleiros lerán a Declaración Institucional do Pleno Municipal do Concello de Oleiros realizada con motivo deste día.

En todas as aulas dos tres institutos de Oleiros, IES Miraflores, IES Neira Vilas e IES María Casares, vaise ler, simultaneamente, arredor das 12:00 h da mañá, o texto deste documento. Trátase dunha declaración consensuada por todas as forzas políticas representadas no Pleno Municipal que desta forma queren amosar a súa unidade na loita contra a violencia de xénero, á vez que se pretende pedir un esforzo á sociedade na súa responsabilidade diaria para a erradicación de comportamentos violentos baseados na desigualdade de xénero.

Co fin de visibilizar este posicionamento de unidade, especialmente ante a mocidade, un destes institutos, o IES Miraflores acollerá, ás 12:10 h, na entrada principal do centro, a lectura desta declaración institucional por parte do alumnado do centro coa presenza dunha representación do Pleno Municipal.

A aposta pola coeducación, como mecanismo para erradicar os comportamentos sexistas e violentos, é a única fórmula posible para acadar unha sociedade máis paritaria entre xéneros e na que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade e non un obxectivo.
 

back link