Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Os emigrantes retornados poden solicitar subvencións autonómicas para o emprego

Oleiros, 03 de marzo de 2016-. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado martes a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, para o ano 2016. Estas subvencións da Xunta de Galicia son compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego coma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén as doutras administracións e entidades privadas.

Un dos aspectos máis salientables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Asemade, axúdase a recuperar poboación para a Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixala en territorios con descenso demográfico.

As subvencións cubren os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, gas, electricidade, telefonía e internet).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de agosto.

MÁIS INFORMACIÓN

back link