Oleiros, 1 de xuño de 2016-. O domingo día 5 de xuño ás 12:00 horas, o teatro do centro cultural As Torres de Santa Cruz acolle o espectáculo Os bolechas van ás olimpíadas. A entrada será gratuíta con invitación, que se poderá recoller no mesmo teatro desde as 11.30 horas, ata completar a capacidade da sala.
Este ano celébranse Olimpíadas en Río de Xaneiro e Os Bolechas queren participar. Teñen tanta présa que collen o avión antes de tempo. En Brasil aínda non hai nada preparado...excepto Romualdo, un deportista "completísimo" que prepara as Romuolimpíadas. E reta os Bolechas a competir con el para gañar un pase aos verdadeiros xogos olímpicos.
Como é habitual, os irmáns van precisar moita axuda para gañar a Romualdo e conseguir unha inscrición nas Olimpíadas de Río 2016. E quen vai axudalos? O público presente na actividade! Todas as nenas e nenos, xunto ás súas familias, deberán demostrar o que saben dos xogos olímpicos e tamén que están en forma para participar nos de Río. E para iso terán que superar unha chea de probas… moi divertidas!
O espectáculo forma parte do programa de actividades de dinamización lingüística da Xunta de Galicia FalaRedes.