Oleiros, 24 de novembro de 2017-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deron ampla información sobre o proceso de creación da Área Metropolitana da Coruña e os beneficios que ten para a cidadanía a constitución deste novo organismo na asemblea aberta que se celebrou na Fábrica e na que participaron numerosos veciños e veciñas así como representantes das entidades sociais, educativas, culturais e deportivas do municipio.
Ambos alcaldes destacaron durante as súas intervencións a importancia de constituír o novo ente para mellorar e abaratar servizos básicos como o abastecemento de auga, a recollida de lixo, o tratamento dos residuos ou o saneamento, entre outros. Igualmente explicaron que a través da Área Metropolitana poderíase levar a cabo a urxente mellora que precisa o transporte público ou demandar fondos europeos para poder mellorar as infraestruturas viarias da comarca, completamente abandonadas polos distintos Gobernos do Estado ao longo dos anos.
García Seoane e Ferreiro tamén fixeron un chamamento ao entendemento de todos os municipios e lamentaron as trabas que está a impoñer o Partido Popular e o Partido Socialista para a creación do organismo. O PP, que desde Santiago defende as áreas metropolitanas, boicotea a súa formación desde o Concello da Coruña. Algo semellante acontece co PSOE, que defende a creación da área nos concellos nos que goberna pero rexeita a creación do organismo no Concello da Coruña.
Moitas das persoas que asistiron á asemblea formularon as súas dúbidas aos alcaldes e, en todos os casos, coincidiron en manifestar o seu apoio á creación da Área Metropolitana da Coruña.