Oleiros, 23 de marzo de 2022-. FarandOleiras Cabaré presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o espectáculo de tetro-cabaré Olimpo’s. Antonio Doldán, Elsa Parada, Estela Naranjo, Esther Patiño, Isa Currais, Lara Valcuende, Marisol Cancio, Noa Vedia, Paula Galego, Saleta Vázquez e Yolanda Zapata forman o elenco desta obra dirixida por Clara Gayo.
Como é xa tradicional en todos os seus espectáculos, FarandOleiras Cabaré segue fiel á súa proposta de teatro cabaré, onde combinan pequenas escenas de teatro con números musicais, sempre desde unha perspectiva crítica e actual. Desta volta, a compañía sobe ás alturas para amosar como viven e pensan as deusas e deuses dun hipotético (e bastante galego) Olimpo e como inflúe a súa presenza nos pobres mortais. Neste Olimpo farandoleiro, tamén se fan enquisas de igualdade, tamén hai teito de cristal e... ata hai secesionismo galego!
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 3,50 euros, ata completar a capacidade permitida da sala. A obra está recomendada para un público adulto.