Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Oleiros promove a saúde materna e infantil en Mozambique a través do Fondo Galego de Cooperació

Oleiros, 14 de xaneiro de 2015-. O Concello de Oleiros, a través da súa presenza na executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, participa un proxecto en Mozambique para que as mulleres embarazadas empreguen os servizos de saúde, antes, durante e despois do parto, superando as barreiras socioculturais. O organismo supramunicipal cofinancia con 25.000 euros a actuación da Fundaçao Encontro, en cuxo equipo de coordinación se atopa a enfermeira coruñesa María José Castro.

Visitas a 240 domicilios e mais un cento de charlas e obras teatrais sobre coidados básicos de saúde e prevención de doenzas son algunhas das actividades que un grupo de activistas está a levar a cabo para concienciar a mulleres e familias sobre a importancia de acudir ás consultas pre e post parto, así como de dar a luz na maternidade. Tamén se crearán grupos de “nai para nai”, onde se intercambian experiencias a fin de multiplicar a sensibilización.

Segundo as crenzas locais, o embarazo debe ocultarse ata que a barriga sexa grande, xa que falar sobre o tema atraería a mala sorte. Isto leva ao sufrimento e morte de moitas mulleres durante a xestación e en partos non seguros. As nenas e nenos tampouco adoitan seguir os pertinentes controis e hai un elevado risco de desnutrición, polo que a intervención incide asemade en identificar á poboación infantil que precisa unha atención especial neste senso.

O proxecto deu comezo en agosto de 2015 e prolongarase ata xullo de 2016 nos distritos de Boane e Namaacha, na provincia de Maputo. Neste tempo agárdase que aumenten nun 25% as embarazadas que acuden a consulta e que 1.290 nenos e nenas leven control pediátrico, así como mellorar a formación en saúde en xeral. O acompañamento individualizado, ao tempo que se involucra a toda a comunidade, é unha das claves do proxecto.

Mozambique áchase entre os países cun Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo do mundo, xa que é o noveno pola cola. Ademais da pobreza, o contexto da intervención vén marcado pola desigualdade de xénero, a prevalencia de enfermidades como a sida ou as dificultades de acceso á auga. A desnutrición crónica afecta a un 44% da poboación infantil.
 

back link