Oleiros, 22 de xuño de 2018-. O grupo de persoas coidadoras que asisten durante todo o ano aos talleres de Coidando e Descubrindo Emocións que desenvolve o Concello de Oleiros, participaron onte no IX Encontro de Persoas Coidadoras que tivo lugar en Chantada. Todas estas persoas trasladáronse, acompañadas do persoal técnico municipal do equipo de Servizos Sociais.
Neste encontro, ademais dos grupos “Descubrindo emocións” e “Coidando emocións”, participou o grupo de “Teatro e Saúde” de AFACO (Asociación de Familiares de Alzheimer da Coruña) e o grupo anfitrión, “Mellorando” de Chantada. Estas tres entidades levan anos traballando conxuntamente pola visibilización da persoa coidadora e creando redes de colaboración na que intercambian estratexias de intervención e boas prácticas cun fin común, mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras.
O encontro tivo lugar en Boan e durante todo o día realizaron diferentes actividades: xogos de empoderamento, biodanza, teatro, obradoiros creativos e actividades que facilitan o coñecemento entre as persoas dos distintos grupos e o intercambio de experiencias. Tamén compartiron unha comida de confraternización cos produtos preparados polas propias persoas que participaban no evento.
Dende o Concello de Oleiros considérase imprescindible este traballo coas persoas coidadoras, para prestarlles un apoio na difícil tarefa diaria de coidar aos seus familiares queridos. Este ano, ademais dos obradoiros comentados de “Coidando e Descubridno Emocións” organizouse unha actividade conxunta de sendeirismo consciente, consistente en 3 rutas guiadas por Oleiros, baseadas nos principios do Shinrin-Yoku, coñecido como “Banos de bosque”, unha técnica procedente do Xapón, centrada en paseos conscientes pola natureza acompañada de exercicios de respiración, e cuns múltiples efectos beneficiosos para a saúde acreditados por numerosos estudos.