Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Oleiros manda ao inferno a Trump e Netanyahu para purificar o mundo

Os dous criminais máis vergoñentos e indecentes do noso tempo arderon na noite de San Xoán no centro da praia de Bastiagueiro. Rodeados de centos de persoas de todas as idades que non quixeron perder a queima da falla de Trump e Netanyahu, o acto converteuse nunha nova denuncia da masacre que os presidentes de Estados Unidos e Israel están a causar por todo o mundo, ignorando leis e dereitos internacionais e humanos.

O acendido estivo precedido dunhas declaracións do presidente Donald Trump, que a través da megafonía da praia pronunciou un dos seus máis célebres discursos no que, entre a incredulidade e as risas dos asistentes, afirmou que o ruído dos aeroxeradores produce cancro. Posteriormente, o alcalde, Ángel García Seoane, fixo unha queimada e esconxurou a estes dous terroristas e asasinos internacionais. “Que a viaxe que vai levar a estas dúas bestas ao inferno sexa eterna e que os seus corpos ardan ata a última molécula para purificar o mundo e librarnos de tanto horror e tanta infamia”, concluíu o alcalde despois de lembrar as principais tropelías cometidas durante os últimos, coreadas polas persoas asistentes baixo intensos berros unísonos de “lume!”.

Un acto político e festivo nunha noite tranquila e sen incidencias nas praias de Oleiros, que se encheron de xente, de lume, de desexos que se cumprirán e de sombras que desaparecerán grazas a este elemento de ben e de optimismo que enche a noite máis curta do ano, celebrando o solsticio de verán ata que a harmonía dos astros volva a traernos, o próximo ano, a esperanza dun mundo mellor.

GALERÍA DE FOTOS
 

back link