Oleiros, 30 de abril de 2014-. O Concello de Oleiros organiza para o próximo 6 de maio, a presentación do libro Marxinados, do escritor Pepe Carballude. Esta actividade, organizada polas bibliotecas municipais de Oleiros en colaboración coa editorial Galaxia, levarase a cabo no auditorio da Fábrica en Perillo ás 20.00 horas. Pepe Carballude é escritor, tradutor e profesor de latín do Instituto Neira Vilas de Perillo. Á parte da súa traxectoria profesional na que destacan traducións de poetas latinos ou a obra A vida diaria dos romanos, ten un longo percorrido na literatura galega, xa que é un dos escritores principais de literatura infantil e xuvenil galega e posúe numerosos premios polas súas obras.
Marxinados é unha historia fermosa e emotiva de nenos e adolescentes que viven nun centro de menores, fálanos dun mozo que destacaba como xogador de baloncesto pero que un día decide deixalo e ir traballar como educador ao internado onde tamén el foi criado. Está alí para botar unha man a nenos e nenas que, coma el, foron excluídos por unha realidade que os puxo fóra: pais e nais atrapados na miseria, nas drogas... Pero tamén está alí a causa dunha historia de amor. Unha novela para pensar e reflexionar sobre as persoas que non poden facer nada por cambiar as cousas, pero tamén unha novela para pensar e reflexionar nas persoas que as cambian para mellor, todos os días. Un conmovedor libro que nos chega a todos ao corazón e que non deixa indiferente a ninguén.