Oleiros, 27 de novembro de 2015-. O vindeiro luns día 30 de novembro ábrese o prazo de preinscrición para participar nunha nova edición de Ocioleiros. Mantéñense a maioría de actividades e incorpóranse outras novas, en base ás suxerencias dos participantes na edición anterior. En total, ofértanse 32 actividades.
Ocioleiros está dirixido exclusivamente aos veciños e veciñas empadroados en Oleiros. A finalidade deste programa é fundamentalmente lúdico, polo que todos os esforzos das persoas participantes diríxense á diversión e ao entretemento.
As persoas participantes só poderán preinscribirse en dúas actividades distintas como máximo. As listaxes con todas as persoas preinscritas colgaranse o 23 de decembro para a emenda de erros. Se hai máis demanda que prazas ofertadas nunha actividade, intentarase habilitar novos grupos. De
non ser posible, as prazas adxudicaranse por sorteo. O día do sorteo será o 7 de xaneiro ás 12.00 horas na Fábrica e as listaxes de admitidos e admitidas estarán expostas a partir do 11 de xaneiro. Unha vez publicadas esas listaxes, o prazo de inscrición será do 25 de xaneiro ao 2 de febreiro.
Ocioleiros ten como obxectivo principal entreter os veciños e veciñas, para quen se elaboraron actividades divididas en dous grupos de idade. Para os máis novos, rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, ofértanse as actividades de danza moderna, robótica, obradoiro de monólogos e comunicación, parkour, obradoiro de artesanía e repostería. Para os maiores de 18 anos ofrécense as seguintes actividades: patinaxe en liña, bolos, iniciación á orientación, iniciación á carreira a pé, bádminton, iniciación á escalada deportiva, iniciación ao surf, informática de iniciación, informática de redes Sociais, obradoiro de cata de viños galegos, horta ecolóxica, xardinería, técnicas de relaxación e crecemento persoal, ioga, costura, fotografía, pintura, obradoiro de tratamento de imaxe dixital, encadernación, conversando en inglés, repostaría, coctelería, cociña, cociña saudable, bailes de salón e latinos e obradoiro canino.