Oleiros, 9 de febreiro de 2018-. O vindeiro xoves quedarán restablecidos os dous carrís de circulación na avenida Ernesto Che Guevara e xa non será preciso o uso dos desvíos. A existencia de pedra moi dura retrasou as escavacións máis do previsto.
Neste momento hai dous equipos distintos traballando nesta obra, que tiña un prazo de execución inicial dun ano. O Concello de Oleiros xa avanzara que non ía permitir que se traballase durante o verán, pero debido ao bo ritmo ao que avanzan os traballos na primavera poderían quedar case finalizados. Faltaría tan só a zona máis complicada, desde a rotonda de Santa Cristiana ata a Ponte da Pasaxe. Ese tramo de obra vai realizarse de noite polo que non se agardan problemas para a circulación.