Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O xoves celébranse os 30 anos da Biblioteca de Santa Cruz cun concerto de Luar na Lubre

Oleiros, 27 de novembro de 2015-. A Biblioteca Pública Municipal e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro de Santa Cruz cumpre 30 anos. Para celebralo, o Concello de Oleiros realizará un acto o día 3 de decembro ás 20:00 horas no Teatro As Torres que contará, entre outras intervencións, coa actuación de Luar na Lubre. Debido a que o auditorio ten unha capacidade limitade, é imprescindible recoller invitación na mencionada biblioteca.

Ademais de Luar na Lubre, tamén actuará un quinteto do Grupo de Gaitas Santaia e varias mozas recitarán poesías da insigne poeta Rosalía de Castro. Paralelamente, realizarase unha exposición de fotografías antigas da parroquia de Liáns titulada “Lembranzas de Santa Cruz: paisaxes e xentes” e unha mostra bibliográfica dos primeiros 75 libros da biblioteca e o Centro de Documentación da Muller.

Para que o público infantil de Colexio Isidro Parga Pondal de Santa Cruz tamén poida participar nesta conmemoración, programáronse, especialmente para eles, os seguintes espectáculos:

- Día 3 de decembro: “Máxicosons” por Álvaro Muras, no que un músico e un mago promoven a lectura nunha posta en escena onde a maxia e a música se unen para facer unha aventura entre libros, cun formato orixinal, interactivo e divertido. Ás 10:30 h  para o alumnado de 5º e 6º de primaria. Ás 12:00 h dirixido  ao alumnado de 3º e 4º de primaria.

- Día 4 de decembro, “Merenda con pan de millo” por Migallas. Actuación baseada no libro-disco “Pan de millo” no que se combinan cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Ás 10:30 h para o alumnado de 1º e 2º de primaria. Ás 12:00 h para o alumnado de educación infantil (4 e 5 anos).

A Biblioteca Pública Municipal e o Centro de Documentación da Muller foron creados no ano 1985 polas persoas que formaban parte da Asociación de Veciños Santaia e da Comisión de festas dos anos 1983-1988 de Santa Cruz. Mercaron os libros que serían os fondos bibliográficos fundacionais, adquirindo un gran número de obras de temática relacionada coa muller. Posteriormente o Concello aumentou ese fondo inicial coa adquisición de máis exemplares e anualmente vaino ampliando e actualizando.

A iniciativa daquela Comisión de festas, formada na súa maioría por mulleres, e co apoio de todo o pobo que colaborou moitísimo coa comisión, foi exemplar para aqueles tempos, pois loitaron sempre por  achegar a cultura, as nosas tradicións e a nosa lingua aos seus veciños e veciñas. Fermoso e singular exemplo de respecto e amor ao pobo.
 
Actualmente esta biblioteca consta de 78 postos de lectura, posúe 6 ordenadores de uso público e gratuíto con acceso a internet e ten WI-FI. Consta de máis de 26.000 libros, 50 títulos de publicacións periódicas abertas, preto de 1.900 DVD, 437 CD e 152 CD-ROM e programa anualmente numerosas actividades de fomento da lectura e culturais: contacontos, tertulias literarias, obradoiros de banda deseñada, talleres de ilustración, presentacións de libros, encontros con autores/as, conferencias, recitais de poesía, concertos de música, a campaña de fomento da lectura dirixida aos centros de ensino público deste concello, etc.

Ofrece información bibliográfica, científica, técnica e literaria de calidade, tratando de adecuarse ás diversas necesidades da poboación á que se dirixe, tanto infantil e xuvenil como para adultas/os, co obxectivo de facilitar acceso á información, á formación e ao coñecemento e promover a lectura entre toda a poboación da parroquia de Liáns.
 

back link