Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O venres comeza a funcionar a zona ORA nas inmediacións das praias

Oleiros, 29 de maio de 2017-. O vindeiro venres día 1 de xuño comeza a funcionar o sistema de cobro por estacionamento nalgúns aparcadoiros das inmediacións das praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz, Naval e Mera. A ORA estará activa durante toda a tempada de verán, desde o xoves ata o 15 de setembro, de luns a domingo, en horario de 12.00 a 20.00 horas. A tarifa parte dos 50 céntimos que posibilita estacionar unha hora, ata os 5 euros que permiten estacionar o vehículo durante todo o día. Tamén hai tramos intermedios, como o de 3 euros, para aparcar durante 4 horas.

Desde o ano 2012 o Concello conta con estacionamento regulado en distintas zonas do municipio. O obxectivo que persegue o Goberno local é fomentar a rotación de vehículos e impedir que os mellores estacionamentos estean copados todo o día polos mesmos coches.

Desde a implantación da ORA pódese aparcar en zonas de praia que teñen unha grande intensidade de uso, especialmente as fins de semana ou en horario de tarde con bo tempo. Este sistema constitúe unha forma de ordenación dun espazo público nunha zona turística cando máis preciso é, no caso de Oleiros, no verán; onde a escaseza de solo dispoñible con destino a aparcadoiro e o aumento do parque automobilístico determinan a necesidade de facer unha distribución racional e equitativa dos estacionamentos entre todas as persoas usuarias.

A tecnoloxía coa que están dotados os parquímetros evita sancións, mesmo se accidentalmente se descoloca o resgardo do parabrisas por calquera circunstancia, xa que o vehículo quedará identificado desde o mesmo momento da impresión do papel. A identificación por matrícula posibilitará tamén a anulación das denuncias de xeito rápido e seguro.

Tamén é posible o pagamento a través do teléfono móbil, mediante a descarga dunha aplicación que está dispoñible nas distintas plataformas ou mesmo vía web. A información sobre este medio de pagamento pode atoparse en www.prestoparking.com.
 

back link