O Concello demandaba que se anulase a autorización ambiental integrada outorgada a LIMPOIL, por ser contraria a dereito, alegando que a localización inadecuada (en plena ría, próxima a praias e zonas de interese ambiental e pesqueiro), existencia de deficiencias na avaliación ambiental (simplificada e sen informes suficientes), carencia de protocolos de seguridade, medidas preventivas e xestión de augas residuais, e falta de rigor na análise dos efectos socioeconómicos e ambientais. Con esta sentenza xudicial ordénase á administración autonómica a que se pronuncie expresamente sobre o fondo destas alegacións.
Esta mesma empresa xa fora denunciada en 2002 ante os tribunais polo Concello de Oleiros porque os vertidos que recollía nas augas do porto (restos de aceite, combustibles etc) eran derramados posteriormente nunha nave situada en Icaria, a través da rede de sumidoiros municipal.
As características desta planta son totalmente incompatibles coa actividade pesqueira que hai no porto de Oza. Xa no seu día, o informe da Consellería de Medio Ambiente recollía o impacto desta planta nunha contorna especialmente sensible. Este peirao non é una polígono industrial e atópase a carón das praias de Oza e Santa Cristina e nas proximidades da ría do Burgo. Despois de décadas de loita por unha ría saneada, xeradora de riqueza a través de actividades de lecer, da pesca e do marisqueo, a cidadanía da comarca non debe sufrir a presenza dunha planta ilegal contaminante.