Para este ano 2026 haberá un total de 1.265 prazas para excursións e rutas de sendeirismo para veciños e veciñas maiores de 65 anos. Haberá 15 saídas de excursionismo, 8 de sendeirismo e 1 de fin de semana completo. O investimento total neste programa é de 91.721,95 euros.
O excursionismo consistirá en itinerarios culturais con visitas guiadas en grupo durante os meses de maio, xuño, xullo e setembro a Lalín e as terras do Deza, á Costa da Morte e ao Salnés. En canto ás rutas de sendeirismo ofértanse itinerarios pola serra da Cova da Serpe, Baldaio e a Boimorto; así como unha ruta nocturna pola Illa de Sálvora para a observación do ceo.
No acto tamén se entregaron os premios do VIII concurso de fotografía “María José Cayado”, no que puideron participar as persoas que formaron parte do programa do pasado ano. Na categoría de sendeirismo o primeiro premio foi para Pilar Rioboo con Fin do camiño. Na categoría de excursionismo o primeiro premio foi para Julio Rodríguez por O Reflexo da Ponte. Concedeuse tamén dous accésit a Lino Rozas por Tapias de Casariego e Raquel Barral por Fermoso Porto de Tapia de Casariego.
A inscrición tanto a excursionismo como sendeirismo poderán realizarse telematicamente ou telefonicamente. No caso do teléfono será, como sempre, por localidades; desde o 17 de abril, chamando ao teléfono 981 610 000 de 16:00 a 20:00 horas. Para sendeirismo o prazo abrirase o 29 de abril.