Oleiros, 15 de decembro de 2015-. O Goberno local aprobou os orzamentos municipais de Oleiros para o ano 2016 na sesión plenaria de onte. As contas para o vindeiro ano ascenden a 26 millóns de euros, o que supón un incremento dun 1,64% en relación ao do pasado exercicio, de acordo coa normativa estatal pola que fixan os obxectivos de estabilidade orzamentaria. O documento prevé un incremento do 25% nos investimentos reais (4,6 millóns de euros) destinados a contratación de novas obras e servizos, o que supón preto dun millón de euros de aumento.
Entre estes investimentos inclúense, por sinalar uns poucos como exemplo, as beirarrúas dun treito da avenida Rosalía de Castro, a pavimentación de diversas rúas, a renovación da rede de auga nas rúas Pazo e Cobo, a adquisición dun camión para os Servizos Municipais, a renovación do mobiliario da piscina de Perillo ou a ampliación da Casa do Pobo de Mera. Tamén se reservan outras partidas para a expropiación de terreos para a construción de prazas, sendas e beirarrúas, para a creación do parque de Bastiagueiro e para continuar coa ordenación da zona verde que xa se iniciou nos accesos á Praia de Naval.
Durante a súa intervención no pleno, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, explicou que o Executivo elaborou uns orzamentos participativos xa que o Goberno municipal dirixíuse por carta aos colectivos sociais que enviaron as súas propostas ao Concello. Boa parte delas aparecen incluidas no documento que hoxe quedou aprobado.
Ademais dos orzamentos, o goberno tamén aprobou un conxunto de obras que suman máis de cinco millóns de euros. A construción do tanque de tormentas en Santa Cruz, o aparcadoiro da praia de Naval, a reforma na Escola Municipal de Danza, o acondicionamento do Parque da Lagoa de Mera e a senda costeira a Canide suman en total 5.295.195,06 euros.
O pleno aprobou a aprobación dos proxectos que formarán parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Esas obras son o aparcadoiro na praia de Naval, valorado en 190.835,26 euros, e a reforma da planta semisoto da Escola Municipal de Danza para a creación da Escola Municipal de Teatro, valorada en 279.340,60 euros. O Goberno tamén poñerá en marcha outros dous importantes proxectos na localidade de Mera grazas ao Plan de Acción Social da Deputación provincial. Para o acondicionamento do Parque da Lagoa de Mera -que contempla, entre outras cousas, a instalación dunha cuberta no centro da praza para a realización de diferentes actividades ao longo de todo o ano e a renovación do parque infantil- destinaranse 441.663,27 euros. Ademais, vaise realizar a senda costeira de Canide que conta cun orzamento de 507.677,93 euros.
Na sesión tamén quedou aprobado o proxecto do tanque de tormentas de Santa Cruz que permitirá poñer fin á contaminación puntual que se producía os días de choiva moi intensa. A obra está valorada en 3.875.678 euros.
O Goberno tamén acordou que os equipos de fútbol que non empregan campo municipal reciban unha subvención para sufragar os gastos de luz e auga das instalacións deportivas que utilizan. Por ese motivo, o Marino de Mera recibirá 2.200 euros, o Atlético San Pedro 2.200 euros e o Xuventude de Dorneda 1.000 euros. Ademais desta subvención especial, os clubs con máis de catro anos de antigüidade perciben a correspondente subvención ordinaria do Concello de Oleiros.
Noutros dos asuntos do pleno, o Goberno local aprobou unha subvención de 4.700 euros que ten como obxectivo garantir unha alimentación saudable e equilibrada dos nenos e nenas que se atopan en risco de exclusión social. As entidades destinatarias da subvención serán as ANPA dos colexios Luis Seoane de Mera, Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e do IES Miraflores de Oleiros, que xestionan os comedores escolares neses centros de ensino públicos.