Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O orzamento do Concello de Oleiros para o 2017 supera os 27 millóns de euros

Oleiros, 10 de xaneiro de 2016-. O Goberno municipal presentou esta tarde ante as entidades sociais, culturais, deportivas e educativas do municipio o orzamento do Concello de Oleiros para o ano 2017. O documento, que será aprobado no próximo pleno, ascende ata a cantidade de 27.194.935 euros, o que supón un incremento en relación ao 2016 do 4,44%.

No capítulo de gastos destaca a suba do 14,13% nos investimentos reais. Está previsto destinar 5.327.244 euros durante o 2017 ao mantemento do extenso patrimonio municipal e a garantir o normal funcionamento dos servizos. Contémplase a realización dun importante número de obras coas que se pretenden favorecer o aforro do gasto corrente ou xerar, directa ou indirectamente, novos ingresos a través da reactivación da economía local. Entre outros investimentos, destinaranse 260.596 euros a obras de urbanización, 1.636.000 a mantemento e mellora de rúas e beirarrúas e 911.421 euros a conservación do patrimonio municipal.

Tamén aumentan os gastos correntes nun 6,54%, debido á aposta do Goberno municipal por reforzar os programas de servizos sociais, culturais e educativos. Os gastos de persoal experimentan un lixeiro incremento do 1,28%. En cambio, redúcense os gastos financeiros, nun 29,14%, e os pasivos financeiros, nun 73,68%, grazas á eficiente e rigorosa xestión económica do Goberno municipal que permitiu realizar no pasado exercicio unha importante amortización de débeda que deixou a cero o endebedamento do Concello de Oleiros.

En canto aos ingresos case non existen variacións significativas en relación aos números do 2016. Os impostos directos seguen a supoñer o 37,08% dos ingresos totais do Concello de Oleiros, as transferencias correntes suman o 33,04% do total e as taxas e prezos públicos o 16,72%.

Con anterioridade á elaboración deste documento, o Goberno municipal dirixiuse por carta aos colectivos de maior entidade do municipio para solicitar as súas propostas de cara a confeccionar o documento. Moitas das suxestións recibidas incluíronse no orzamento que se lles presentou hoxe e que foi elaborado polo executivo local.
 

back link