Cibeira destacou que o urbanismo con enfoque social que se aplica en Oleiros, en contraposición do urbanismo liberal que impera noutros municipios, resulta determinante para demostrar que é posible construír territorios prósperos nos que prime, ante todo, o público e o humano. Unha xestión que non só favorece ás clases traballadoras senón que tamén mellora as condicións para o crecemento económico e empresarial.
“Todo isto que temos non foi un regalo, nin caeu do ceo. Foi logrado a pulso, baixo un gran liderado e a participación de centos de persoas que se implicaron moitísimo nese gran fronte amplo que é Alternativa dos Veciños. Un partido independente, pequeno no material, pero grande, mellor dito inmenso, no seu capital humano. Nin a falta de axudas doutras administracións superiores, nin os boicots partidistas, nin os 28 anos gobernando en minoría impediron a consecución do noso proxecto político”, dixo o concelleiro de Mobilidade, Comunicación e Novas tecnoloxías.
A aprobación e execución dos 3 plans de urbanismo deseñados polo Goberno municipal permitiu acadar o concello que maioritariamente quería a cidadanía: un lugar para vivir, con servizo públicos de calidade, que puidese medrar respectando o medio natural, sen aglomeracións, con seguridade xurídica... Un desenvolvemento que permite unha elevada calidade de vida grazas inmensa infraestrutura pública creada e á especial dinamización que se lle dá por parte do Concello e tamén das numerosas entidades e asociacións veciñais.
A participación do Goberno municipal na xornada de hoxe en Oporto, xunto a alcaldes portugueses e españoles, o ministro de Economía luso ou a Secretaria de Estado de Mobilidade, supón un novo e importante recoñecemento internacional ao modelo urbano de Oleiros.