Oleiros, 27 de febreiro de 2018-. O Ministerio de Fomento anunciou que a data de finalización do proxecto de ampliación da ponte da Pasaxe, que tiña de prazo ata o mes de abril, será ampliada. Desde o Goberno central non aclaran cando terá que estar rematado ese proxecto e tamén anuncian máis retrasos debido ao estudo de impacto ambiental.
“O Ministerio de Fomento está tomándonos o pelo constantemente a todos os cidadáns da Coruña. Se hai pouco o Director Xeral de Estradas dicía que na Coruña temos os mellores accesos de España, hoxe o Ministerio anuncia un novo retraso no proxecto de ampliación da Ponte da Pasaxe. Está claro que van retrasar todo isto ata o próximo ano, que vai haber eleccións, para anunciar nese momento que teñen o proxecto aprobado, que non quere dicir que vaian contratar a obra”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
Os distintos Gobernos centrais levan enganando á cidadanía da comarca con falsos anuncios durante moitos anos. En 2015, en vésperas das pasadas eleccións municipais, a ministra de Fomento Ana Pastor anunciara a realización da obra de ampliación da ponte da Pasaxe. Dous anos despois, nin hai prazo para a finalización do proxecto, nin existe estudo de impacto ambiental, os dous pasos previos á contratación.
“Está claro que algo hai que facer. O que non podemos os cidadáns é quedar na casa cando nos chamen á rúa. Copiemos doutros lugares de Galicia e de España. As cousas só se conseguen cando a xente se mobiliza. Non serve de nada que dous, tres ou catro alcaldes demandemos e fagamos todo tipo de actuacións porque sen o apoio da cidadanía só seguirán a enganarnos”, dixo García Seoane.