Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O mércores comeza a funcionar a zona ORA cun sistema de nova xeración

Oleiros, 30 de maio de 2016-. O vindeiro mércores día 1 de xuño comeza a funcionar o sistema de cobro por estacionamento nalgúns aparcadoiros das inmediacións das praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Santa Cruz e Mera. A ORA estará activa durante toda a tempada de verán, desde o mércores ata o 15 de setembro, de luns a domingo, en horario de 12.00 a 20.00 horas. A tarifa parte dos 50 céntimos que posibilita estacionar unha hora, ata os 5 euros que o permiten durante todo o día. Tamén hai tramos intermedios, como o de 3 euros, para aparcar durante 4 horas.

Para esta nova tempada, o sistema instalado conta con varias novidades provocadas pola utilización de parquímetros de nova xeración, cunha interface sinxela e modernizada. Con esta tecnoloxía será preciso identificar o vehículo introducindo o número de matrícula para obter o tícket de estacionamento. Esta medida, implantada con carácter xeral na actualidade en case todas as cidades, garante ás persoas usuarias que non vai ser sancionado mesmo se accidentalmente se descoloca o resgardo do parabrisas por calquera circunstancia xa que o vehículo quedará identificado desde o mesmo momento de impresión do papel.

A identificación por matrícula posibilitará tamén a anulación das denuncias de xeito rápido e seguro. Cada denuncia contará cun código para anulación, válido durante 24 horas, e poderá anularse en calquera parquímetro do Concello de Oleiros durante ese prazo, abonando a taxa establecida, de 8 euros se non se contaba con tícket no momento da denuncia, ou de 3 euros se o que se produciu foi un exceso do tempo, antes de que transcorra unha hora.

Tamén será posible o pagamento a través do teléfono móbil, mediante a descarga dunha aplicación que está dispoñible nas distintas plataformas ou mesmo vía web. A información sobre este medio de pagamento pode atoparse en www.prestoparking.com.

Desde o ano 2012 o Concello conta con estacionamento regulado en distintas zonas do municipio. O obxectivo que persegue o Goberno local é fomentar a rotación de vehículos e impedir que os mellores estacionamentos estean copados todo o día polos mesmos coches. Desde a implantación da ORA pódese aparcar en zonas de praia que teñen unha grande intensidade de uso, especialmente as fins de semana ou en horario de tarde con bo tempo. Constitúe unha forma de ordenación dun espazo público nunha zona turística cando máis preciso é, no caso de Oleiros no verán, onde a escaseza de só dispoñible con destino a aparcadoiro e o aumento do parque automobilístico determinan a necesidade de facer unha distribución racional e equitativa dos estacionamentos entre todas as persoas usuarias.

Á marxe da zona ORA, o Concello de Oleiros tamén prohibirá o estacionamento de vehículos, desde o vindeiro día 1 de xuño e ata o remate da tempada de praias, nas rúas Anguias e Bastiagueiro praia.
 

back link