Oleiros, 27 de novembro de 2015-. O prazo para presentar os textos para o concurso literario Descubrindo Oleiros remata o vindeiro luns 30 de novembro. Haberá que deixalos nos centros de ensino ou envialos ao Servizo de Normalización Lingüística (A Fábrica, rúa do Inglés, 13; 15172; Perillo, Oleiros).
O premio literario Descubrindo Oleiros busca poñer en común promover a lingua e dar a coñecer o municipio. Este concurso abre o prazo no mes de novembro para aqueles rapaces e rapazas estudantes de todos os cursos de ESO e de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Os relatos deben estar ambientados en Oleiros, escritos en lingua galega, serán inéditos, que non fosen premiados en ningún outro concurso e non estean pendentes de fallo noutros premios.
Os textos presentaranse manuscritos ou mecanografados, perfectamente lexibles, escritos nunha soa cara e cunha extensión de 1 a 3 páxinas A4, Arial 12, a dobre espazo, que poderán ir acompañados de fotografías, debuxos, ilustracións ou calquera imaxe do Concello que poida ser suxerinte para o autor ou autora. As persoas gañadoras de cada categoría recibirán un regalo tecnolóxico que fomente a lectura e a creatividade e ademais lerán na radio municipal os seus relatos.
Esta proposta busca poñer en común dúas cuestións: o interese pola escritura na rapazada e dar a coñecer Oleiros e a súa contorna como lenzo para obras literarias e feitos históricos ao longo dos anos.
Os relatos presentaranse nun sobre grande co título do relato, ademais do texto incluirase un sobre pequeno dentro pechado, que só teña escrito o título da obra, dentro conterá unha breve nota biográfica (onde vaia recollido o nome, apelidos, enderezo, teléfono, enderezo electrónico, curso e centro educativo ao que pertence) e a fotocopia do documento acreditativo de identidade (fotocopia do DNI, pasaporte ou documento oficial de identidade equivalente).