Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O luns proxéctase na Fábrica o documental Noite irisada

 Oleiros, 25 de xuño de 2021-. Con motivo do Día do Orgullo LGTBI, está programada a proxección do documental Noite irisada o vindeiro luns día 28 de xuño, as 20.30 horas no auditorio da Fábrica. A entrada é gratuíta con invitación, que poderá recollerse desde unha hora antes do inicio do filme.

 
Noite Irisada é un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia. A través dun coidado traballo de investigación, o filme máis recente da viguesa Bea Vázquez Campaña ofrece unha completa panorámica dos profundos cambios socioculturais que se deron ao longo da historia: da normalidade das prácticas homosexuais en tempos pasados aos inicios da homofobia e a persecución posterior; da adulteración das cantigas medievais ou a represión franquista, ata os nosos días.
 
Este labor documental —que foi nomeado aos Premios Mestre Mateo do ano 2020— é ademais enriquecido co testemuño de persoas que viviron a súa condición sexual na clandestinidade, activistas que a través de diversas organizacións loitaron pola consecución de dereitos que hoxe nos parecen elementais; pero tamén co de xente máis nova que nos fala de todo o que queda por facer e do temor, tamén fundado, a un retroceso deses dereitos conquistados.
 
Noite Irisada é, en definitiva, un valioso documento sobre o amor, o respecto, a loita e a memoria.
 
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.
back link