Oleiros 21 de setembro de 2018.- O luns 24 de setembro abre o prazo de inscrición para dous obradoiros de Disciplina Positiva dirixidos ás familias de Oleiros con menores entre 0 e 12 anos de idade organizados pola concellería de Servizos Sociais
Estes obradoiros están baseados nos principios da Disciplina Positiva, que desterran os métodos de condicionamento da conduta (castigos e premios) e dan as claves para ensinar ás nenas e aos nenos a desenvolver as súas propias habilidades en base ás súas decisións, guiadas/os sempre pola supervisión da persoa adulta. Trátase de que pensen por si mesmos e axudalos a ir construíndo o seu propio criterio, favorecendo a convivencia e creando un clima agradable e de confianza na familia.
Cada un dos obradoiro terá unha duración de 16 horas, en 8 sesións de 2 horas cada unha. Serán en horario de tarde, ao longo do mes de outubro e desenvolveranse na Casa de Cultura de Perillo os seguintes días:
¿ * Obradoiro 1 (familias con menores de 0-6 anos de idade): luns e mércores, 1, 3, 8, 10, 15, 17, 22 e 24 de outubro.
¿ * Obradoiro 2 (familias con menores de 7-12 anos de idade): martes e xoves, 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23 e 25 de outubro.
As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites on line, a partir das 10:00h do luns 24 de setembro e ata o xoves 27 de setembro ás 23:00h.
As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. O número de prazas por obradoiro é de 20 persoas.
A metodoloxía proposta para estes obradoiros é vivencial, participativa e divertida, con dinámicas nas que aprender sexa algo divertido e construtivo, e nos que, sesión tras sesión, as familias poidan recoñecer os avances acadados coa aplicación dos coñecementos adquiridos.
Estes obradoiros pretenden apoiar ás familias na crianza e educación dos seus fillos e fillas, contribuíndo a un correcto desenvolvemento emocional, dotándoos de ferramentas e habilidades para esa importante tarefa.