Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O luns ábrese o prazo de inscrición nas tertulias literarias das bibliotecas municipais

Oleiros, 23 de setembro de 2015-. O vindeiro luns 28 de setembro ábrese a inscrición para as tertulias literarias na Biblioteca Central Rialeda e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. Poden participar nestas actividades todas as persoas maiores de 16 anos.

As tertulias levaranse a cabo desde outubro ata xuño. En Rialeda a frecuencia será quincenal e as sesións terán lugar os mércores (excepto festivos) en horario de 17:30 a 19:30 h. En Santa Cruz a frecuencia tamén será quincenal, tendo lugar as sesións os luns (excepto festivos) en horario de 18.00 a 20:00 h.

Nestas actividades realízase o comentario de obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e á vez, lúdico da lectura. O principal obxectivo é animar a ler, gozando da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista. Preténdese ir descubrindo a maneira de escribir de cada autor ou autora, os distintos estilos, o tipo de linguaxe que utiliza e analizar os textos escritos, os procedementos e características máis importantes de cada obra.

Ao longo dos meses iranse prestando aos participantes diferentes libros de autoras e autores da literatura galega, española e internacional, por este motivo é totalmente imprescindible que as persoas interesadas en participar se inscriban nalgunha das dúas bibliotecas, para ter praza e poder ter dispoñibles os exemplares necesarios de cada título.

Os interesados e interesadas en apuntarse ás tertulias da Biblioteca Rialeda poden facelo a través da sede electrónica da páxina web municipal www.oleiros.org, no blog das bibliotecas municipais de Oleiros http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/, chamando por teléfono ao número 981 639 511 ou achegándose persoalmente á Biblioteca Rialeda en horario de luns a venres, das 8:15 ás 21:15 horas e os sábados das 10:00 ás 14:15 horas. Ofértanse 40 prazas que se distribuirán en dous grupos. Unha vez completados os grupos, as persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de espera e serán avisadas cando haxa unha vacante.

Na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz haberá un único grupo de 20 participantes, como máximo. Para inscribirse poderán facelo chamando por teléfono ao número 981 626 338 ou achegándose persoalmente á biblioteca no horario de apertura ao público: de martes a xoves, de 10:00 a 13:30 h, de luns a venres de 16:00 a 20:00 h, e o primeiro e terceiro sábado de mes, de 10:00 a 14:00 h. O grupo formarase por orde de inscrición e as persoas que queden sen praza pasarán a unha lista de espera.
 
A programación do primeiro trimestre en cada grupo é:

Biblioteca Central Rialeda

Grupo A, comezará o mércores 14 de outubro:

- La mujer de un sólo hombre, de A. S. A. Harrison
- Charlotte, de David Foenkinos
- El palacio azul de los ingenieros belgas, de Fulgencio Argüelles
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
- La muerte de Iván Ilich, de León Tolstoi
- La firma de todas las cosas, de Elizabeth Gilbert

Grupo B, comezará o mércores 7 de outubro:

- El palacio azul de los ingenieros belgas, de Fulgencio Argüelles
- La muerte de Iván Ilich, de León Tolstoi
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
- El loro de Flaubert, de Julian Barnes
- La fórmula preferida del profesor, de Yoko Ogawa
- Canadá, de Richard Ford
 
Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz, comezará o luns 19 de outubro:

- El libro de arena, de Jorge Luis Borges
- Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz
- Las viudas de los jueves, de Claudia Piñeiros
- Festina lente, de Marcos Calveiro

 

back link