Oleiros, 20 de febreiro de 2017-. O Goberno municipal aprobou no pleno de hoxe importantes proxectos de renovación do pavimento de varias rúas e das redes de abastecementos de auga en diferentes localidades do concello. En total, as obras suman máis dun millón de euros que financia a Deputación nun 80%.
No caso da pavimentación de rúas, asfaltaranse a rúa Tierno Galván en Maianca, a rúa da Luz e a rúa Laxeiro en Nós, a rúa do Faro en Iñás, a rúa da Cova en Oleiros, a rúa dos Niños e a avenida das Américas en Perillo, a rúa do Campo e a rúa Castro da Vixía en Dexo e a rúa Curruncho en Dorneda. En canto aos proxectos de renovación das redes de abastecemento de auga e de saneamento, centraranse principalmente nas parroquias de Iñás e Nós.
Ademais, o Goberno municipal aprobou solicitarlle á Deputación a entrega de 117.855 metros cadrados en Bastiagueiro, na zona do aparcamento e do estadio, para a ordenación de toda a zona e a creación de novas infraestruturas e equipamentos deportivos e culturais. Tamén contou co visto e prace da corporación a subvención provincial para a construción dunha grada cuberta en Iñás e a entrega do solo que precisa a Xunta para construír as beirarrúas entre Montrove e o colexio Cristo Rey.