Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Goberno local logra que o Ministerio de Fomento se comprometa a crear dous pasos de peóns na

Oleiros, 03 de novembro de 2016-. O alcalde Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo esta mañá un encontro cos responsables do Ministerio de Fomento na Coruña para tratar os graves problemas da N-VI ao seu paso por Oleiros. No caso de que os orzamentos do Estado para 2017 non inclúan unha partida para iniciar as obras da intersección de Beiramar-Agramar e que tampouco se comece a construción de dous pasos elevados entre Perillo e O Seixal, o Goberno municipal impulsará importantes mobilizacións veciñais.

O Ministerio de Fomento comprometeuse na xuntanza desta mañá a habilitar unha partida nos orzamentos do Estado para 2017 destinada a iniciar as obras da intersección de Beiramar-Agramar. O túnel e a rotonda en superficie que se pretende construír neste conflitivo punto tería un custo de 16 millóns de euros. O Goberno central realizaría a obra en tres anos.

Outro dos asuntos que o alcalde puxo enriba da mesa foi o da inexistencia de pasos de peóns entre Beiramar-Agramar e O Seixal. O Concello de Oleiros recibirá nos vindeiros días o proxecto para a construción de dous pasos elevados nesa zona, que incluirían ascensor e estarían totalmente cubertos. Os custos de mantemento desas pasarelas pasarían a correr a conta da administración municipal.

En canto á ampliación da ponte da Pasaxe, malia os falsos anuncios realizados por parte da ex Ministra Ana Pastor, os responsables de Fomento aseguraron que polo momento aínda non existe proxecto definitivo. O mesmo acontece coa ampliación da estrada N-VI entre a nova rotonda do Carballo e a Urbanización O Pinar, que se atopa en fase de estudo.

Os veciños e veciñas de Perillo, e doutras localidades do municipio, poderán participar nunha asemblea que convocará o Concello de Oleiros para informar sobre este encontro e as medidas a adoptar para esixir unha solución inmediata aos graves problemas da N-VI ao seu paso por Oleiros. Hai que lembrar que ademais dos 4.240 veciños e veciñas residentes a ambas marxes da estrada desde a ponte da Pasaxe ata o linde con Cambre, uns 100.000 vehículos padecen diariamente as retencións que provocan as deficitarias infraestruturas viarias existentes na actualidade.
 

back link