Oleiros, 31 de outubro de 2016-. O vindeiro domingo 6 de novembro celébrase unha nova edición da Feira do Mel nas inmediacións do Mercado Municipal de Perillo. Unha selección dos mellores apicultores galegos e españois virán a Oleiros a expoñer e vender os seus produtos. Esta feira, única en Galicia, mantén fiel o seu espírito inicial de apoiar un sector produtivo en constante ameaza pola globalización e os novos costumes alimentarios e que ademais, agora mesmo, tamén está a padecer as graves consecuencias da invasión da avespa velutina.
A XXVII Feira do Mel contará con máis de 30 postos de venda e exposición. As persoas que se acheguen poderán coñecer e adquirir todo tipo de alimentos e artigos relacionados co mel, desde os máis tradicionais ata os cosméticos. Ademais, a feira ofrece unha programación de actividades moi amenas e dirixidas a todo tipo de públicos.
O recinto abrirá as súas portas ás 10:00 horas e pechará contra as 21:00 horas. A carpa na que se realiza o evento acollerá actuacións de grupos de música e baile popular galego do municipio que animarán a feira durante todo o día. Pola tarde, a partir das 16:30 h, realizaranse actividades de animación infantil dirixidas aos máis cativos. Para pechar haberá música, coa orquestra Os Trovadores, e magosto e queimada gratuíta para todas as persoas asistentes.