Oleiros, 22 de novembro de 2019-. O Concello de Oleiros remitiu un documento a Portos de Galicia para demandar a urxente reparación dos graves danos existentes no peirao de Mera. Os últimos afundimentos do pavimento están a poñer en evidencia o alarmante estado de abandono desta infraestrutura da Xunta de Galicia.
Tal e como se explica no documento, o porto de Mera estase a afundir e atópase nun total estado de abandono por parte do organismo autonómico. Conta con graves afundimentos do pavimento, fendas, buratos de grandes dimensións, postes en ruínas, unha barreira de acceso tirada e distintas zonas ocas que supoñen en perigo moi grande para a estabilidade desta infraestrutura. Igualmente, a acumulación de area xunto á rampla provoca situacións extremadamente perigosas para as persoas que embarcan e desembarcan coas súas embarcacións neste peirao.
Aínda que non existe actividade pesqueira profesional, son moitas as persoas que usan a diario este dique para distintas actividades de ocio e pesca relacionadas co mar.