Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello presenta á Subdelegación un completo dispositivo para garantir a seguridade pública durante a eclipse solar

Un amplo dispositivo de seguridade composto por case 100 persoas coidará que a xente poida gozar da eclipse solar sen incidencias. Unha sesión da Xunta Extraordinaria de Seguridade entre Concello de Oleiros e a Subdelegación do Goberno serviu aos responsables municipais de protección cidadá para poñer en común o operativo deseñado para que todo funcione correctamente e se minimicen os riscos derivados dunha xornada tan especial.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Figueroa, o Inspector da Policía Local, Miguel Viqueira, o Coordinador de Emerxencias, Gerardo Vázquez, e o concelleiro de Comunicación, Pablo Cibeira, participaron nunha xuntanza tras a que o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, felicitou a Oleiros pola organización do dispositivo e a minuciosidade do traballo de planificación e prevención realizado.

Policía Local, Emerxencias de Oleiros, Protección Civil e o Servizo de Salvamento e Socorrismo serán os equipos municipais implicados no amplo despregue, no que tamén terán o seu papel tanto a Garda Civil como a Dirección Xeral de Tráfico, contando sempre coa coordinación do mando central operativo do CECOPI, que desde A Estrada estará á fronte da seguridade en toda Galicia. Ademais, un Posto de Mando Avanzado para coordinar a resposta ás posibles emerxencias quedará establecido no Faro de Mera para responder a todas as cuestións de seguridade.

A nivel público, insístese na recomendación xeral de utilizar os coches o menos posible, limitando ao mínimo a mobilidade a motor, xa que o fenómeno astral será percibido desde todo o territorio municipal, tanto desde moitas vivendas como desde o gran número de parques de proximidade de todo o municipio, aos que se chega camiñando sen dificultade. De feito, a circulación rexistrará algunhas restricións.

Estímase que os puntos con máis asistencia de público serán o parque das Trece Rosas, o litoral de Santa Cristina, Santa Cruz, Canide, Mera, o Faro de Mera e o monumento natural de Dexo-Serantes, espazos públicos que serán obxecto de especial atención e algunhas restricións.
 

back link