Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello pon en marcha un novo obradoiro para persoas coidadoras dun familiar con dependencia

Oleiros, 25 de setembro de 2018-. Un dos obxectivos da Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros é mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras a través dos grupos Descubrindo Emocións e Coidando Emocións. Estes obradoiros ofrecen un espazo de apoio terapéutico no que as persoas coidadoras poden ser apoiadas, escoitadas e comprendidas, un lugar no que se comparten emocións, preocupacións e medos similares. Unha oportunidade para facer “normais” moitas desas preocupacións e ver que son sentimentos comúns aos doutras persoas.

Descubrindo emocións comeza o próximo 8 de outubro, durará ata o 26 de novembro e contará con 8 sesións semanais de hora e media. As xornadas serán os luns, de 16:30 a 18:00 horas, no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo. As persoas interesadas en participar poden contactar cos Servizos Sociais a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000.

Nestas sesións o obxectivo é reducir a aparición de trastornos psicolóxicos e o malestar emocional provocado pola responsabilidade de coidar. Detrás de moitos enfermos dependentes hai unha persoa moi próxima a eles entregada ao seu coidado e atención que desemboca en problemas emocionais, depresións, unha visión pesimista do entorno, estrés, ansiedade... Tamén adquiren habilidades para enfrontarse a eses problemas e volver a gozar a vida sen deixar de atender e coidar os seus seres queridos.

Despois deste obradoiro, as persoas interesadas poden incorporarse ao grupo de Coidando emocións, formado por persoas que xa pasaron en anos anteriores polo primeiro obradoiro e onde desenvolven distintas actividades cunha periodicidade quincenal, á vez que se crea un cadea de apoio emocional entre as propias persoas participantes. A continuidade deste tipo de actividades vén sustentada na satisfacción e agradecemento das persoas participantes polo apoio recibido, así como pola mellora substancial e o cambio en positivo que supuxo para elas a actividade.

Para impartir estes obradoiros, o equipo técnico dos Servizos Sociais de Oleiros colabora con profesionais da Asociación de Familiares de Alzheimer da Coruña, AFACO, entidade con ampla experiencia neste campo.
 

back link