Oleiros, 17 de marzo de 2016-. Nestes días o Concello estalle a notificar aos veciños e veciñas con terreos no sector de solo urbanizable SUD-1 de Mera, na zona de Pinar do Río, os custos de urbanización. Ante a dificultade ou imposibilidade que teñen algúns deles para asumir eses gastos, o Concello de Oleiros permitirá pagar con solo, tal e como xa se fixo noutros procesos similares a este.
“Imos agardar a que remate o prazo de comunicacións e unha vez que teñamos coñecemento de todos os propietarios que non poden asumir eses gastos convocarémolos a unha reunión para informalos da posibilidade de pagar con solo”, explicou o alcalde Ángel García Seoane. “O que agora son leiras e prados pasarán a ser terreos urbanizables que lles reportarán un beneficio aos seus propietarios. Polo que os custos desa modificación téñeno que asumir eses propietarios e non o conxunto dos veciños e veciñas”, dixo.