Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello organiza unha visita guiada á exposición Galicia Universal

Oleiros, 19 de abril de 2018-. O Concello de Oleiros organiza para o sábado 5 de maio, en horario de mañá, unha visita guiada á exposición Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación. O luns abre o prazo de inscrición para as 50 prazas que se ofertan, ás que terán preferencia de acceso as persoas empadroadas no municipio.

Esta mostra supón a maior exposición de pezas das coleccións privadas de Abanca e Afundación reunidas ata o momento. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por 150 anos de arte galega. Nela pode contemplarse unha escolma de 192 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do século XIX ata a actualidade, o que sitúa a Galicia universal. A arte galega nas coleccións de Abanca e Afundación como a mostra recente máis ambiciosa sobre a arte galega.

As coleccións de arte galega de Abanca e Afundación reflicten á perfección os dous factores que marcaron a construción das artes plásticas galegas desde o século XIX: identidade e universalidade. A través destes conceptos alúdese a dous elementos singulares para entender a nosa arte: a historia da cultura galega e a súa ligazón co contexto internacional.

Por primeira vez, unha mesma mostra reúne 119 artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.

Esta actividade é gratuíta. Para apuntarse e obter máis información é preciso dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono -981 636 598- ou do correo electrónico cultura@oleiros.org.
 

back link