Oleiros, 28 de maio de 2018-. O Concello de Oleiros organiza para o sábado 16 de xuño unha ruta de interpretación ambiental e cultural pola ruta dos faros, desde Arou ata Cabo Vilán. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro mércores día 30 de maio e ofértanse un total de 40 prazas, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
A ruta comprende a saída de Arou e paso por Santa Mariña, Monte Branco, areal do Trece, cemiterio dos ingleses, punta do Boi, foxo dos Lobos, pedra do Oso, praias de Reira, Balea e Pedrosa, furna dos infernos, faro e cabo Vilán, Vilán de fóra, parque eólico de Camariñas, vila de Camariñas e Museo dos Faros. A distancia total é de 16 quilómetros e está cualificada como de dificultade media-baixa.
O prezo da excursión é de 22 euros. Para apuntarse e obter máis información é preciso dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado na Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou dos correos electrónicos cultura@oleiros.org e r.caparros@oleiros.org.